“Xeoruta do Ferro, A PONTENOVA” 26 de agosto

Onte foi a décima xornada de “A Mariña en Ruta”. Xornada na que fixemos a “Xeoruta do Ferro” na Pontenova. Unha camiñada a  pié guiada por Francisco Canosa, doutor en Xeoloxía, director científico de “Xeoparque  do Cabo Ortegal” e experimentado guía en roteiros de divulgación do patrimonio xeolóxico de Galicia e en especial da Mariña Lucense.

Comezamos o roteiro poñendo en valor a transcendencia histórica da minería do ferro na Pontenova. Onde a intensa actividade mineira foi no seu momento o gran motor económico desa vila e proximidades.

Visitamos as explotacións de maior tamaño. Comezamos pola máis grande de todas, Mina Consuelo, a cal nos impresionou enormemente debido ás dimensións da altura.

Entendemos tamén a rede de conexións e formas de comunicación da zona. O ferrocarril que unía as explotacións de maior tamaño. E como facían uso tamén da escavación como vía de comunicación coa creación de túneles. 

Aprendemos o método de explotación do ferro. Como creaban niveis de explotación mineira e pozos baixo terra. Foi incrible descubrir que podía haber pozos tan profundos que estaban á altura do nivel do mar.

E por último entendemos o proceso xeolóxico da acumulación de ferro. Puidemos ver in situ o cando, como e porqué desa acumulación. As diferentes capas de mineral que o forman e como os mineiros coñecían esa  zonación.

Un precioso roteiro na que nos achegamos ao rico e diverso patrimonio xeolóxico da Pontenova grazas ao coñecemento de Francisco Canosa.