“Unha ollada ás rochas que viron nacer Galicia” con Francisco Canosa. Ourol, 13 de decembro

O pasado domingo 13 de decembro visitamos Ourol no séptimo e último roteiro de outono de “A Mariña en Ruta”, proxecto promovido pola Mancomunidade de Concellos de A Mariña Lucense. Nesta actividade, acompañados polo xeólogo Francisco Canosa coñecemos a ás rochas que viron nacer Galicia. 

 

A través deste roteiro viaxamos miles e incluso millóns de anos para entender os procesos xeolóxicos que deron lugar ao noso territorio, tal e como o coñecemos a día de hoxe. Comezamos no Concello de Ourol onde seguindo a estrada, moi preto do punto de inicio, atopamos cortes con rochas de entre 580 e 600 millóns de anos, consideradas as máis antigas de Galicia. Estas rochas xorden dunha fusión parcial debido a eventos de presión e temperatura extremas. Un dos principais elementos xeolóxicos do percorrido é a Falla de Viveiro, que supón unha rotura no terreo, o que no pasado produciu un desprazamento en vertical que puido chegar ata os 10 km, o que nos da unha idea da intensidade dos terremotos e movementos de terra nesta zona. Observamos tamén un dos minerais destacados da ruta, a Cianita, utilizado polos xeólogos como xeobarómetro (indica condicións de presión no pasado). 

 

Continuamos o roteiro polo Val do Rego de Barreiros, formado pola Falla de Viveiro, representando un exemplo moi interesante dun val estructural, onde a presenza desta estructura xeolóxica axudou á formación do val. 

 

O percorrido continúa coa visita ao forno de cal, un elemento que serve de nexo entre o patrimonio etnográfico e xeolóxico, e que se atopa nun estado de conservación espectacular. Observamos o pequeno afloramento de rocha caliza, un fenómeno excepcional en Galicia, que se atopa aos pes deste desfiladeiro.

 

Para rematar, na última parada, contemplamos os detalles das pizarras, que nos acompañaron durante o percorrido, e que nos amosan, baixo a mirada dunha lupa, a Andalucita na rocha, indicativo de que nalgún momento do pasado xerouse calor a través do xurdimento de magma do interior da terra. Coma se dun xogo se tratase, buscamos pistas ollando no entorno, e de feito a poucos metros atopamos rochas graníticas (producidas polo afloramento de magma) que nos fan entender o contexto xeolóxico no que nos atopamos. 

 

Como sempre un pracer contar con Fran, un referente na divulgación e no estudo da xeoloxía da comarca, como guía neste último roteiro de outono. 

 

 

Francisco Canosa é Licenciado en xeoloxía pola Universidade de Salamanca e Doutor en xeoloxía pola Universidade de Oviedo. Cursou un Máster en Recursos Xeolóxicos e Xeotécnia e é director científico do proxecto “Xeoparque do Cabo Ortegal”. Conta con 20 anos de experiencia como guía en saídas xeolóxicas e docencia de xeoloxía en diferentes niveis educativos e universitarios ás súas costas. É creador e coordinador de “ Georutas” nos concellos de Ribadeo, Burela, Cedeira, Moeche, Ortigueira, O Vicedo, San Sadurniño e Nigrán. Ademais de socio da AEPECT (Asociación Española para o Ensiño das Ciencias da Terra) e da Sociedade Xeolóxica de España. Organizador do “Geolodía” en Galicia desde o 2013. Membro da Comisión de Patrimonio Xeolóxico do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España. Colaborador e docente nos Centros de Formación e Recursos de Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Autor de diferentes publicacións no ámbito da divulgación da xeoloxía de Galicia. 

 

Contacto: 

Páxina web: https://rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com.es 

Facebook: Francisco Canosa. 

Instagram: @ francanosageologo.