“Souto da Retorta, VIVEIRO” 3 de setembro

O xoves 3 de setembro tivemos a décimo quinta xornada de “A Mariña en Ruta”, na que realizamos unha camiñada polo “Souto da  Retorta” de Viveiro. Un asollado día de verán no que puidemos gozar acompañados por Noela Feal

Comezamos o roteiro por esta paraxe natural bañada polo río Landro facendo fincapé no patrimonio industrial de Viveiro. Aprendemos sobre a importancia da fábrica de tecidos fundada por Bassols en 1849, na que había plantacións de liño preto do río. E facían uso da enerxía hidráulica do río para poñer a funcionar a maquinaria industrial da época. 

Continuamos falando sobre o complexo industrial creado por Barro  Chavín como fábrica de luz, tecidos e carrocerías. Jose Varro foi un visionario da época que tiña contratadas a máis de 50 mulleres, algo completamente inusual en 1950.  E ademais foi quen puxo luz eléctrica en todo  Viviero.

Despois, combinamos ese patrimonio cultural co natural. Camiñamos por Souto da Retorta, zona que pertence á Rede Galega de Espazos Protexidos. Puidemos observar os eucaliptos centenarios máis antigos de Galicia e tamén a árbore máis grande de España, un eucalipto con máis de 100 anos de vida. Esta árbore, tamén coñecido como “O  Avó” é un eucalipto duns 70 m de alto e 2 ́5 m de diámetro. Inscrito no Catálogo Galego de Árbores Singulares e declarado Monumento Natural dende o 2000. Pertence ao grupo de árbores que plantaron en 1880 coa intención de protexer as continuas crecidas do río Landro e así evitar as inundacións que afectaban á industria de Barro Chavín.

E por último, Noela deunos unha moi grata sorpresa guiándonos ata o precioso miradoiro de Monte Castelo. Un miradoiro un tanto inaccesible desde o que puidemos deleitarnos coas conmovedoras vistas. Un roteiro único de ecoturismo e industria unidos e interrelacionados. Mil grazas Noela por axudarnos a entender como en moitas ocasións o patrimonio cultural e natural van da man.