“San Cibrao, porto baleeiro, dende a Idade Media ata a actualidade”, con Ana de Lara. Cervo, 22 de novembro

O pasado sábado 21 de novembro visitamos a vila mariñeira de San Cibrao no quinto roteiro de outono de “A Mariña en Ruta”, proxecto promovido pola Mancomunidade de Concellos de A Mariña Lucense. Nesta actividade, acompañados pola bióloga mariña Ana de Lara, da ONG Tantak, que supliu a baixa de última hora de Anxo Cao, coñecemos a historia da caza da balea, dende a idade media ata a actualidade.

O roteiro comezou na carpintería de ribeira “Asteleiros Fra”, unha xoia da cultura mariñeira da vila, con máis de 200 anos de antigüidade na construcción de barcos de madeira. Continuamos ao carón do mar cara a praia do Torno, falando das esculturas da vila adicadas ás aves mariñas e á natureza, ás redeiras, á carpintería de ribeira e á Maruxaina entre outras, que decoran as rúas seguindo o noso camiño.

A caza da balea é unha historia agridulce que narramos xustamente onde moitas foron despezadas, a praia de Cubelas. A caza da balea foi un recurso que durante o século pasado fixo da vila de San Cibrao un punto de referencia para a industria baleeira. Os primeiros documentos da caza no pobo datan de 1291, sendo un lucrativo negocio nos últimos cen anos, ata 1977, co peche da factoría de Morás. 

Dende a punta da Atalaia, e equipados con prismáticos, fixemos a labor de vixías. Por sorte, algúns de nós puidemos observar un pequeno grupo de golfiños ao lonxe. San Cibrao é a día de hoxe un magnifico punto para disfrutar da natureza co paso de cetáceos e aves mariñas moi preto da costa.  

Rematamos o roteiro cunha breve pero interesantísima visita ao Museo Provincial do Mar, para ver “in situ” unha parte importante da historia da caza da balea.

Ana de Lara é Bióloga Mariña, especializada en Biodiversidade e Conservación Mariña. Docente de Bioloxía en educación secundaria e bacharelato. Coordinadora de Tantak, organización sen ánimo de lucro para o estudo e conservación de ecositemas mariños así cómo o desenvolvemento sostible. Dive Master e mergulladora científica. Apaixoada do mar e da divulgación ambiental, que a levaron a participar e coordinar numerosos proxectos a nivel nacional e internacional.

Contacto:  

Páxina web: https://tantak.eu/

Facebook: Ana de Lara, Tantak.eu

Instagram:  @anadelara87 @tantak.eu

Twitter: @tantak.eu