“Roteiro Botánico por BURELA” 17 de agosto

Hoxe, 17 de agosto, realizamos a quinta xornada de “A Mariña en Ruta”, na que disfrutamos dun Roteiro Botánico por Burela”. Camiñada acompañada por Pedro  Rolle, fundador de “O Freixo dous Lobos” e  Guido Álvarez, guía oficial de Galicia. Un tándem de gran calidade para facer estes roteiros combinadas de patrimonio cultural e natural.

Comezamos escoitando a historia do municipio de Burela da man de  Guido. Entendendo a evolución que tivo Burela desde os primeiros asentamentos en castros marítimos en zonas estratéxicas ata a actualidade. Unha interesante explicación para entender mellor a contorna que visitamos.

Despois dirixímonos cara aos ecosistemas forestais da zona. Camiñamos por un  eucaliptal, podendo observar a diferenza entre un bosque autóctono e un cultivo de eucalipto. Fomos identificando as diferentes plantas e árbores que atopamos no camiño. A gran maioría das plantas que aprendemos tiñan importantes propiedades medicinais. Por exemplo, o dente de león (Taraxacum  officinale), planta moi común na nosa comarca que posúe gran cantidade de beneficios para a nosa saúde. É unha planta autóctona  depurativa, de efecto diurético, usada tamén para o coidado da pel e un longo etcétera de usos beneficioso. Aprendemos tamén o que son as flores  endémicas e tivemos a sorte de poder observar dúas especies: (Linaria  triornithophora) e (Daboecia  cantabrica). Así como o impacto que xeran as plantas invasoras na nosa flora autóctona.

Semella incrible a cantidade de plantas que habitualmente poboan os nosos bosques e das que descoñecemos o seu valor xa non só biolóxico, senón tamén medicinal. Un luxo poder contar co gran coñecemento de Pedro sobre as características das plantas e o seu poder de divulgación.