“Rinlo o paraíso en RIBADEO” 27 de agosto

O 27 de agosto tivemos o undécimo roteiro de “A Mariña en Ruta”, un precioso día en “Rinlo, o paraíso en Ribadeo”. Un roteiro circular, na que gozamos da fauna, flora e historia de Rinlo guiados por Pedro  RolleGuido Álvarez. Dous profesionais excepcionais que combinan coñecemento de patrimonio natural e cultural á perfección. 

Comezamos o roteiro nas cetarias de Rinlo, un dos emblemas da vila. Xa que é un dos poucos pobos da Mariña que conserva a súa costa tal e como a tiña hai un século. Estas cetarias son unhas das máis antigas da península.

Despois fomos cara ao interior de Rinlo. Podendo comparar o interior e a costa do municipio. Así como a vexetación de ambas as zonas e a súa fauna asociada. Vimos un peneireiro (Falco  tinnunculus) e tres exemplares de corvo mariño grande (Phalacrocorax  carbo). 

Tamén visitamos os “ollos”, formacións xeolóxicas naturais que son precursoras dos arcos que se observan na famosa praia de  As  Catedrais. Así puidemos entender o proceso de formación dos arcos debido á erosión mariña que sofre a costa nesta zona da comarca. 

E por suposto, tamén estivemos no histórico porto de Rinlo. Antigo porto baleeiro, no que puidemos coñecer a técnica da caza da balea. Onde entre a Idade Media e o século  XVIII, saían expedicións para cazar baleas. Unha actividade moi perigosa e tamén moi lucrativa, posto que o aceite de balea era un produto difícil e moi caro de conseguir. Esta industria foi decaendo aos poucos no  XIX, para extinguirse definitivamente a comezos do  XX. 

Un pracer de roteiro da man de Pedro e Guido por este acolledor pobo, que foi transformando a súa economía mariñeira cara ao turismo. Moitas grazas a ambos por achegarnos e descubrirnos todos os tesouros que esconde esta carismática vila. 

 

Moitas grazas a ambos por achegarnos e descubrirnos todos os tesouros que esconde esta carismática vila.