Rematan os roteiros de verán pero A Mariña en Ruta continúa

O pasado 26 de setembro remataron os roteiros programados para agosto e setembro “A Mariña en Ruta” cunha boísima acollida. O proxecto, promovido pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, e coordinado pola empresa de ecoturismo Maremasma, puxo en valor o rico patrimonio cultural e natural da Mariña Lucense con 21 roteiros únicos durante este atípico verán 2020 marcado polo Covid19.

Entre as diferentes propostas viaxamos ao pasado a través da xeoloxía entre volcáns no Vicedo, descubrimos a incrible natureza da Serra  do  Xistral, coñecemos o enorme patrimonio cultural de Mondoñedo e Lourenzá, percorremos ecosistemas fluviais,  intermareais e costeiros de gran valor ecolóxico e biolóxico, entre outras moitas actividades. Camiñatas a pé disfrutando ao aire libre e diversificando a oferta do xeodestino en base a aspectos menos coñecidos da comarca en cada un dos municipios que a conforman: Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, O Vicedo, Mondoñedo, Alfoz,  Valadouro, Ourol, Riotorto, A Pontenova, Trabada e Lourenzá.

Esta iniciativa desenvolvida durante o verán contou cunha alta participación. Un total de 327 persoas desfrutaron de A Mariña en Ruta, cubríndose o 92% das prazas dispoñibles. Unha demanda que superou as expectativas iniciais e que demostra o gran tirón das propostas de ecoturismo como un enfoque diferenciador de disfrutar das actividades turísticas en contraposición do turismo tradicional ou de masas. Persoas de diferentes procedencias participaron neste programa que tiña por obxectivo reactivar a actividade turística da comarca despois do duro golpe tralo brote de Covi19 no mes de xullo. Os participantes puideron descubrir lugares pouco coñecidos a través dun programa novidoso, diferenciador, diverso, inclusivo e adaptado a todo tipo de público. A maioría dos participantes foron da provincia de Lugo, seguidos da Coruña, Madrid,  Gipuzkoa, Ourense, Asturias,  Araba, Pontevedra e Valladolid, respectivamente. O perfil de público foi variado, con numerosos grupos, familias con nenos, xente que vén en parella ou participantes que veñen sós atraídos pola variada oferta do proxecto. 

Diferentes axentes locais e profesionais do sector especialistas en cada área de traballo formaron un equipo de enorme calidade humana, a cal foi base fundamental da iniciativa. Claudia del Pino, Fran Canosa, Pedro  Rolle,  Guido Álvarez, Noela Feal e Óscar Chao mostráronnos os segredos menos coñecidos da nosa comarca. As valoracións dos participantes cara aos guías e axentes locais foi excelente, cunha puntuación media de 9.6 sobre 10. 


Do mesmo xeito, a enquisa de satisfacción realizada polas persoas que participaron en “A Mariña en Ruta” non deixa lugar a dúbidas: o 100% repetiría a experiencia, o 100% cre que esta iniciativa dinamiza a oferta turística, o 100% cre que debería seguir no tempo e o 100% recomendaría o roteiro realizado. Cunha valoración media da organización de 9.4 e da iniciativa no seu conxunto de 9.7 sobre 10. 

Visto o éxito do proxecto, co obxectivo de traballar na desestacionalización e axudar a dar a coñecer as potencialidades do xeodestino fóra dos meses de verán, dende a Mancomunidade veuse oportuno ampliar a oferta de rutas durante o outono, con máis roteiros e novas propostas para incentivar un ecoturismo de calidade na zona e axudar, na medida das posibilidades, a dinamizar a comarca nestes meses difíciles para o sector.

O novo programa de rutas de A Mariña en Ruta para este outono farase público próximamente na páxina web do proxecto enruta.amarinalucense.gal e a través das redes sociais de Turismo da Mancomunidade.