
30 Xul MONDOÑEDO, ALFOZ e O VALADOURO do 5 ao 12 de agosto
“A Mariña en Ruta” é un proxecto para descubrir A Mariña Lucense cun programa único de roteiros actividades. Ten dous obxectivos claros: poñer en valor os recursos humanos da zona e dar a coñecer a riqueza natural e cultural da Mariña Lucense durante agosto e setembro do 2020.
Os primeiros roteiros cos que empezamos, son os seguintes:
1) “MONDOÑEDO, AS MIL HISTORIAS”, 5 de agosto do 2020 con Claudia del Pino.
Claudia del Pino, é graduada e postgraduada en Turismo con máis de 20 anos de traballo no sector como informadora, docente, planificadora e guía oficial de Galicia.
“Mondoñedo, as mil historias” trátase dun paseo cultural por Mondoñedo para coñecer mellor o amplo e valioso patrimonio desta cidade, capital dunha das sete provincias do Antigo Reino de Galicia, e un dos seus barrios máis emblemáticos: o Barrio dos Muíños, onde unha sorpresa moi artesanal, espera por nós!
Municipio: Mondoñedo.
Data: 5 de agosto do 2020.
Hora de inicio: 11:00 hs.
Duración: 2 horas e media.
Lugar de inicio: Praza da Catedral (Mondoñedo).
Dificultade: Leve.
Observacións: –
Prazas dispoñibles: 15.
2)“PENA ABALADOIRA”, 10 de agosto do 2020 con Pedro Rolle e Guido Álvarez.
Pedro Rolle é Guía de Natureza. Así como Técnico en traballos forestais e Técnico en conservación do medio natural. Formador ocupacional, capataz agrícola e forestal. Profesional apaixonado e traballador que coñece especialmente ata o último recuncho Alfoz e O Valadouro. Moi coñecido en toda A Mariña polo seu proxecto persoal “O Freixo Dos Lobos, Ecoturismo e Natureza” que ten como obxectivo concienciar á poboación da importancia de conservar e respecta-lo medio ambiente. Poñendo en valor os recursos naturais mediante o coñecemento da súa contorna. Ten catro anos de experiencia como organizador e guía-intérprete en roteiros, talleres de natureza e charlas sobre medio ambiente, nos espazos naturais protexidos de A Mariña Lucense.
Redes sociais e páxina web:
Facebook: O Freixo dos Lobos Ecoturismo e Natureza.
Instagram e Twitter: @ ofreixodoslobos.
Guido Álvarez é Guía Oficial de Turismo de Galicia acreditado en 5 idiomas (inglés, francés, italiano, castelán e galego). Diplomado en Turismo (UDC), e con Máster Interuniversitario Oficial en Xestión e Planificación do Turismo (USC) e Máster Europeo en Paisaxes Culturais (Universidades Jean Monnet, Federico II e Stuttgart). Posúe 16 anos de experiencias laborais e académicas no mundo do Turismo, incluídos 4 anos no estranxeiro (Inglaterra, Francia, Italia e Alemaña).
Redes sociais e páxina web:
Facebook: Guido Guía.
Instagram e Twitter: @ guidoalvarezp.
Páxina web: www.guidoalvarezparga.com
“Pena Abaladoira” é un roteiro de trazado circular de 7´5km que discorre integramente pola Serra do Xistral, unha paraxe natural que pertence á Rede Natura 2000, zona LIC (Lugar de Interese Comunitario) e ZEPVN (Zona de Especial Protección dos Valores Naturais). Nela nacen os principais ríos da comarca: Ouro, Masma e Eume. Neste roteiro poderemos gozar do máis importante complexo de turberas de cobertor do sur de Europa, así como da flora e fauna a elas asociada, fragas de especies autóctonas e un mar de formacións rochosas onde se atopa Pena Abaladoira, un bolo granítico que se empregou desde tempos prehistóricos en cultos de fertilidade e noutras funcións ao longo dos séculos.
Durante o roteiro tamén poderemos contemplar fauna salvaxe e preciosas vistas do Valle do Ouro.
Municipio: Alfoz.
Data: 10 de agosto del 2020.
Hora de inicio: 10:00 hs.
Duración: 3 horas.
Lugar de inicio: Lugar de Gilifonso, parroquia de o Pereiro (Alfoz). Coordenadas: 43°28’21.3″N 7°29’47.9″W
Dificultade: Media.
Observacións: Uso de roupa e calzado cómodo (non fai falta impermeable, non imos andar por zonas encharcadas). Gorra e crema solar (zona de montaña aberta). Auga. Prismáticos e en caso de ter algún libro de fauna (aves, insectos) e/ou flora.
Prazas dispoñibles: 25.
3)“FRAGA DA FURNA”, 12 de agosto do 2020 con Óscar Chao.
Óscar Chao é Licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Posúe un Máster en Xestión de Sistemas Costeiros e Mariños pola Universidade Autónoma de Barcelona. É Profesor de Bioloxía e Xeoloxía de Educación Secundaria e Bacharelato. Dende o ano 2017 é Coordinador do Proxecto Rebinxe e presidente da “Asociación Rebinxe: pola recuperación da biodiversidade”, organización sen ánimo de lucro centrada no estudo e conservación da fauna e flora locais. Polo seu traballo ou ben desinteresadamente, participa e organiza charlas e exerce como guía en roteiros de observación de fauna e interpretación de ecosistemas dende 2012.
Redes sociais y páxina web:
Facebook: @Proxecto Rebinxe1
Instagram: proxecto_rebinxe
“Fraga da Furna” é unha ruta de interpretación de ecosistemas característicos da Serra do
Xistral. Pretende ser unha iniciación á procura e interpretación de indicios de presenza de fauna silvestre (pegadas, excrementos, depredacións…). A ruta discorre por unha das fragas mellor conservadas do norte galego, onde analizaremos a súa orixe xeolóxica, a súa fauna e flora asociadas, e comprobaremos o contraste cos ecosistemas de altura e turbeiras de cobertor. Poderemos comprobar a presenza de diferentes especies animais, normalmente esquivas e de hábitos nocturnos, a través de cámaras de foto-trampeo.
Municipio: O Valadouro.
Data: 12 de agosto del 2020.
Hora de inicio: 10:00 hs.
Duración: 2 horas.
Lugar de inicio: Capela de Santa Filomena do Cadramón, O Valadouro. Coordenadas: 43.483430, -7.523549.
Dificultade: Media.
Observacións: A ruta deseñada é de escaso desnivel pero debe terse en conta que cruzaremos un río en diversas ocasións, polo que se recomenda un calzado resistente á auga. Recomendable levar prismáticos, crema solar e repelente de insectos. Suxírese levar roupa axeitada, con pantalón longo. Debido á situación sanitaria derivada do SARS-Cov2, ofrecerase material de consulta e información da ruta para descargar a través de código QR, polo que se o desexan deberán ter instalada nos seus dispositivos unha app de lectura de códigos.
Prazas dispoñibles: 15.