“Pozo da Ferida, XOVE” 10 de setembro

Onte, 10 de setembro foi a décimo oitava xornada de “A Mariña en Ruta”. Unha camiñata na que visitamos “Pozo da Ferida” de Xove guiados por Noela Feal. Diplomada en Turismo e guía oficial de turismo de Galicia que leva máis de 18 anos vinculada ao turismo galego. 

Comezamos o roteiro en Loureiro, ao noroeste dos “montes do Buio” que forman unha pequena serra de apenas 600 m de altitude. Montes onde nace o río Loureiro ou Xudreiro, afluente do Landro. É este río o que forma a ría de Viveiro e o que no seu camiño cara ao mar forma un salto de auga, o Pozo da Ferida.

Achegámonos ata a escola abandonada, onde fixemos un alto no camiño, para poder entender o contexto histórico e actual de Xove. Noela falounos das parroquias que conforman Xove, a evolución poboacional e os límites do municipio. O cal nos axudou a ter unha visión xeral da vila. 

A continuación descendemos cara á fervenza do río por un precioso camiño de terra polo que os raios de sol penetraban entre a vexetación autóctona. Así chegamos á impresionante caída de auga de máis de 30 metros de alto. A fervenza natural máis alta da zona. Unha fermosa paisaxe de augas limpas, que formaba unha poza circular de auga fresca na súa base. E que ademais, acompañado polo son da auga golpeando entre as rocas, transmitía paz e tranquilidade. Unha contorna única da nosa comarca. 

Visitamos tamén o muíño que hai cavado na roca á beira do Pozo da Ferida. Un curioso muíño en ruínas, construído hai anos na  rivera do río.

Na metade do ascenso de volta, paramos a ver o segundo salto de auga do río Loureiro ou  Xudreiro. Outro recuncho de auga doce, no que as árbores autóctonas enmarcan a beleza da zona. 

Moitas grazas Noela por ensinarnos esta preciosa paraxe que forma parte do patrimonio natural da nosa comarca. Ademais de por recomendarnos outras tantos roteiros para poder realizar por Xove.