“Pena Abaladoira, ALFOZ” 10 de agosto

 

Hoxe foi a segunda xornada do proxecto “A Mariña en Roteiro”, na que realizamos un roteiro por “Pena  Abaladoira, Alfoz”. Camiñamos pola Serra  do  Xistral, Rede Natura 2000, zona LIC (Lugar de Interese Comunitario) e  ZEPVN (Zona de Especial Protección dos Valores Naturais). Esta serra é unha paraxe única, que ademais, da man de Pedro  Rolle e Guido Álvarez gaña aínda máis valor. Dous profesionais excepcionais que traballan en equipo neste proxecto.

Realizamos un roteiro en plena natureza, camiñando entre montañas e acompañados pola néboa característica da zona. Durante a camiñata aprendemos a importancia das  turbeiras. Puidemos gozar do complexo de turbeiras de cobertor máis importante do sur de Europa.

Tanto as turbeiras de cobertor activas e as encharcadas, son depósitos de CO2. Sumidoiros de carbono vitais para os ecosistemas da zona. A turba orixínase por acumulación de restos vexetais e funciona como unha esponxa, é dicir absorbe e acumula  auga,  expulsandola. Son substratos que precisan longos períodos de creación, tanto que para que se produza un só centímetro de turba é necesario unha media de 10 anos. 

De camiño a Pena  Abaladoira, pasamos pola preciosa Fraga da Moradoira. Fraga na que hai restos  paleolíticos e muíños de man. E por último a incrible Pena Abaladoira. Un birlo  granítico formado baixo terra que agora destaca  maxestuosamente sobre a paisaxe. Aí facíanse ritos de fertilidade e xulgábase a culpa ou inocencia dos maleantes da zona. Lugar que acompañado pola néboa e o misticismo, acompaña a retroceder no tempo para entender o marco socio-cultural da época.