“Paseo Xeolóxico por FOZ” 16 de agosto

Onte, 16 de agosto, realizamos o “Paseo Xeolóxico por Foz”, cuarta xornada de “A Mariña en Ruta”. Paseo guiado por Francisco Canosa, doutor en xeoloxía e director científico do proxecto “Xeoparque  do Cabo Ortegal”. 

Comezamos a camiñada aos pés da ría do Masma, contorna que pertence á Rede Natura 2000 e é  ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves). Aprendemos a orixe, o proceso de creación e a evolución da ría. Puidemos entender a problemática da acumulación de area nalgúns puntos e a falta noutros, debido á modificación da contorna. É dicir, comparamos a evolución natural da ría coa evolución real actual debido ás interaccións e construcións de orixe humana. 

Seguimos camiñando bordeando a costa de Foz, pasando pola praia da Rapadoira cara a Ollo  do Mar. Observando os tipos de rocas que aí se atopan. Descubrindo onde se formaron, en que condicións e as predicións dos cambios que se van a producir no seu futuro máis próximo. Chegamos ata a praia de Llas, para poder ve-lo impacto que produce a erosión mariña nas diferentes estruturas naturais dependendo do tipo de material xeolóxico do que están formadas. Deste xeito, puidemos aprender a interpreta-la linguaxe das pedras e lograr entender a historia de miles de anos que esconde cada unha delas. Unha sorte poder achegarnos á xeoloxía da man dun profesional como Fran.