“Paseo entre volcáns, O VICEDO” 8 de setembro

Onte, 8 de setembro, realizamos a décimo sexta xornada de “A Mariña en Ruta”, un “Paseo entre volcáns” polo Vicedo da man de Francisco Canosa. Un luxo poder gozar da xornada acompañados de Francisco, doutor en xeoloxía e director científico do “Xeoparque  do Cabo Ortegal”. Con 20 anos de experiencia como guía en saídas xeolóxicas e docencia de xeoloxía en diferentes niveis educativos ás súas costas.

Empezamos a camiñata na praia de San Román, unha preciosa praia de fina area branca rodeada por cantís. Desde aí divisamos a cruz que lembra ao naufraxio do “Drácula”, un impresionante miradoiro natural que nos serviu para poder observar a paisaxe desta contorna xeolóxica que estabamos a visitar.

Francisco contounos como condiciona o tipo de rocas para dar forma ás paisaxes. Puidemos ver como as rocas máis resistentes moldeaban cantís e a illa de  Coelleira. E en cambio, as rocas máis brandas daban lugar á praia de San Román. 

Descubrimos rocas de fondo mariño, con máis de 400 millóns de anos de antigüidade. Rocas que contan un episodio da historia xeolóxica do noso planeta que Francisco sabe ler: o cambio climático que fixo que o nivel do mar baixase de maneira moi brusca.  Así observamos dous tipos de rocas que foran formadas dependendo do nivel do mar.

Na praia vimos formas xeolóxicas  volcánicas. Rocas brancas, de aspecto diferente, que nos indican un pasado de volcáns sumamente explosivos. Volcáns que formaban unha fileira de 600km de lonxitude desde O Vicedo ata Guadalaxara, cun  magma moi  viscoso e que tiña dificultades para saír polo cráter.

Puidemos ver tamén como o coñecemento xeolóxico local e a ciencia xeolóxica en ocasións únense. Xa que unhas das formacións que foron creadas por aqueles volcáns, son rocas con  protuberancias azuis, denominadas pola xente da zona como “Ollo de sapo”

Mil grazas Francisco, por ensinarnos esa impresionante historia xeolóxica da nosa comarca. Un pracer poder terche a bordo no equipo de “A Mariña en Ruta” e poder aprender sobre a rica e única xeoloxía da Mariña Lucense.