“OUROL indiano e natural” 2 de setembro

O 2 de setembro, mércores, achegámonos ao bonito municipio de Ourol. Nesta  décimo cuarta camiñada de “A Mariña en Ruta” descubrimos os encantos de “Ourol Indiano e natural”. Un roteiro de 4´5km na que coñecemos o patrimonio cultural e natural da vila guiados por Noela Feal. Diplomada en Turismo e guía oficial de turismo de Galicia acreditada en 4 idiomas e con máis de 18 anos vinculada ao turismo de Galicia.

Saímos dende a Casa do  Concello, onde coñecemos Ourol desde os seus inicios a nivel arqueolóxico. Falamos das 17  mamoas que posúe no seu territorio,  túmulos funerarios característicos do  Neolítico​ do noroeste da península ibérica. Así como dos 8 castros, poboados fortificados, e dos petróglifos ou gravados rupestres.

Continuamos camiñando polas rúas Ourol, observando as casas Indianas e descubrindo algunhas das súas curiosidades. Marabillas arquitectónicas e dun enorme valor cultural grazas ás cales puidemos ver como a emigración marcou a historia do pobo durante décadas. Xa que o  Concello de Ourol, é un dos máis ricos en vivenda indiana de toda Galicia.

Visitamos a igrexa de Santa María datada no século  XVIII. E continuamos coa visita ao Cemiterio. Foi aí onde puidemos observar obras de arte funeraria na que os mestres canteiros da época deleitábanse expresando a súa arte nos nichos funerarios. E ademais falamos do Crime de  Candedo, que tivo lugar a comezos da Guerra Civil cando catro mulleres dunha mesma familia, a familia Casabella, foron tiroteadas e é aquí onde están enterradas.

Para finalizar achegámonos á preciosa fervenza do río  Xestosa, un paseo de 250 metros en descenso. Onde máis dunha participante non o pensou dúas veces e aproveitando o precioso día asollado que tivemos meteuse a refrescarse e bañarse na auga. O mellor final para gozar desta preciosa xornada de setembro da man de Noela.