“O que a marea esconde, interpretación dun ecosistema intermareal”, con Ana de Lara. Foz, 17 de outubro

O pasado sábado 17 de outubro comezamos cos roteiros de outono de A Mariña en Ruta, promovidos pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense. Para inaugurar este bloque de novas actividades comezamos en Foz co roteiro “O que a marea esconde, interpretación dun ecosistema intermareal”. Aproveitamos unha das maiores mareas baixas do ano cun estupendo grupo acompañados pola bióloga mariña Ana de Lara da ONG Tantak, para coñecer as curiosidades destes ecosistemas costeiros.

Iniciamos o percorrido no Castro de Fazouro, asentamento castrexo do século II, para entender a importancia do mar nos diferentes momentos da historia da nosa comarca. Na praia de Arealonga, colindante ao castro, observamos as turbeiras fósiles que agochan os sedimentos dos cantís descubrindo unha historia xeolóxica duns 120.000 anos. Dende alí, e seguindo o Camiño Natural da Ruta do Cantábrico, chegamos ao porto de Nois, antigo porto baleeiro referente en Galicia. A caza da balea foi durante séculos un recurso de gran importancia na zona, pero a sobreexplotación das poboacións destes cetáceos, especialmente no século XIX,  deu lugar a moratoria no ano 1985.

 

 

 

Seguimos o camiño ata a praia de Polas, onde contemplamos a enorme biodiversidade dun ecosistema intermareal. As charcas que se forman cando baixa a marea forman verdadeiros ecosistemas cheos de vida para moitos descoñecidos. No entonrno rochoso da praia pasamos un bo rato descubrindo unha gran cantidade de fauna e flora, e algunhas curiosidades dalgunhas das especies que encontramos no camiño. Antes de retomar o camiño de volta, analizamos o impacto humano no medio mariño e tivemos un interesante debate sobre a problemática actual de contaminación.

 


 

Ana de Lara é Bióloga Mariña, especializada en Biodiversidade e Conservación Mariña. Docente de Bioloxía en educación secundaria e bacharelato. Coordinadora de Tantak, organización sen ánimo de lucro para o estudo e conservación de ecositemas mariños así cómo o desenvolvemento sostible. Dive Master e mergulladora científica. Apaixoada do mar e da divulgación ambiental, que a levaron a participar e coordinar numerosos proxectos a nivel nacional e internacional.

Páxina web: www.tantak.eu

Facebook: Ana de Lara, Tantak.eu

Instagram:  @anadelara87 @tantak.eu

Twitter: @tantak.eu