Novembro: cultura, cetáceos e cogomelos en A Mariña en Ruta

Seguimos coas camiñatas a pé de outono descubrindo o patrimonio cultural e natural da Mariña Lucense. Este mes propoñémosche descubrir centros históricos, portos baleeiros e bosques autóctonos cheos de cogomelos.

7 de novembro, Ribadeo- “O Ribadeo dos comerciantes“, con Sofía López

 

Descrición do roteiro: Neste paseo guiado percorreremos o Centro histórico de Ribadeo. O antigo recinto amurallado da vila desenvólvese desde o século  XII ao  XIX grazas ao intenso comercio por vía marítima. Nas súas fermosas rúas, pazos  brasonados e grandes casaróns de comerciantes mestúranse con pintorescas vivendas de pescadores e artesáns, nun conxunto urbano cuxa historia non te deixará indiferente. Sabías que aquí chegou a haber representantes consulares de diversos países de Europa e América?


 

Municipio: Ribadeo.

Data: 7 de novembro do 2020.

Hora de inicio: 10:30 h.

Duración: 2 horas e media aproximadamente.

Lugar de inicio: Praza de España (diante do Concello).

Lonxitude: 2 km.

Dificultade: Baixa.

Trazado: Circular.

Observacións: Hai tramos de escaleiras (información para persoas con mobilidade reducida ou con carros de bebé). Traer roupa adecuada á meteoroloxía e calzado cómodo.

Sofía López é Diplomada en Turismo pola Universidade da Coruña e Máster Oficial en Planificación e Dirección do Turismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballou fundamentalmente como informadora turística e Guía de Turismo para o Concello de Ribadeo. Ademais, ten experiencia como Axente de Viaxes e Recepcionista en aloxamentos turísticos.

Contacto: 

Facebook: enfoquevisitasguiadas

Instagram:  @enfoque.visitas.guiadas

 

15 de novembro, Cervo “San Cibrao,  porto baleeiro, dende a Idade Media ata a actualidade”, con Anxo Cao

 

Descrición do roteiro:  San Ciprian é un dos primeiros portos baleeiros do Cantábrico e falaremos sobre a súa evolución histórica, dende as baleas que se cazaban na Idade Media ata as  que se cazaban nos anos 70. Explicaremos en profundidade as especies de cetáceos que podemos ver en Galicia, e o seu estado de conservación na actualidade.  Aproveitaremos  de igual maneira para falar sobre a relación histórica deste pobo co mar.


Municipio: Cervo.

Data: 15 de novembro do 2020.

Hora de inicio: 10:30 h.

Duración: 3 horas aproximadamente.

Lugar de inicio: Asteleiros Fra Rico.

Lonxitude: 3,5 km.

Dificultade: Baixa.

Trazado: Circular.

Observacións: Roupa impermeable ou  cortaventos debido a que estaremos en lugares expostos ao vento. Calzado cómodo e impermeable, preferiblemente con sola de goma para poder camiñar brevemente pola praia e/ou rocas. Aconséllase levar prismáticos, xa que subiremos ao faro (Atalaia) onde explicaremos como se avistaban os animais, e tentaremos avistar algún cos nosos propios prismáticos.

Anxo Cao estivo desde pequeno relacionado dunha forma ou outra co mar. Para rematar a súa formación como Biólogo foise ás illas Azores, onde a observación da vida mariña converteuse no seu traballo. Dende 2017 traballou en Azores e Galicia, sendo en ambas localizacións actividades relacionadas cos cetáceos e o seu estudo. En Azores a súa experiencia foi enfocada ao ecoturismo de avistamento de cetáceos, así como á toma de datos e  fotoidentificación durante as saídas en barco para o seu posterior estudo. Dunha forma similar, en Galicia colaborou en embarques participativos organizados pola  CEMMA para o estudo dos cetáceos, e paralelamente axudou na rede de varada de Galicia.

Contacto:  

Facebook: Anxo Cao.

Instagram: @anxo_beewhale

 

21 de novembro, O Valadouro – “Cogomelos do noso monte“, con Óscar Chao

 

Descrición do roteiro: Este roteiro micolóxico ten como punto de partida “A Fraga das  Lerias”. Debido á dificultade de comunicación da zona, o lugar de quedada é en Ferreira. Dende alí nos desprazaremos todos xuntos, cada un no seu vehículo, ata o lugar de inicio do roteiro. 

“A Fraga das Lerias” está situada entre O Cadramon e  Frexulfe. Esta Fraga posúe unha cantidade de especies vexetais autóctonas incomparable a calquera das da súa contorna. No seu percorrido cruzaremos bosques autóctonos en busca de fungos. Aprenderemos a identifica-los diferentes cogomelos que podemos atopar na nosa comarca, descubrindo o seu valor biolóxico e gastronómico. Ademais durante todo o percorrido poderemos gozar dunha paraxe natural de gran biodiversidade e dunhas vistas outonais preciosas das montañas que rodean o val.


 

Municipio: O Valadouro.

Data: 21 de novembro do 2020.

Hora de inicio: 10:00 h.

Duración: 3 horas aproximadamente.

Lugar de inicio: Ferreira do Valadouro.

Lonxitude: 4 km.

Dificultade: Baixa.

Trazado: Circular.

Observacións: Uso de roupa e calzado cómodo, preferiblemente impermeable. Auga. Prismáticos e en caso de ter algún libro de fauna (aves, insectos) e/ou flora.

Óscar Chao é Licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Posúe un Máster en Xestión de Sistemas Costeiros e Mariños pola Universidade Autónoma de Barcelona. É Profesor de Bioloxía e Xeoloxía de Educación Secundaria e Bacharelato. Dende o ano 2017 é Coordinador do Proxecto Rebinxe e presidente da “Asociación Rebinxe: pola recuperación da biodiversidade”, organización sen ánimo de lucro centrada no estudo e conservación da fauna e flora locais. Polo seu traballo ou ben desinteresadamente, participa e organiza charlas e exerce como guía en roteiros de observación de fauna e interpretación de ecosistemas dende 2012. 

Redes sociais y páxina web: 

Facebook: @Proxecto Rebinxe1 

Instagram: proxecto_rebinxe