“MONDOÑEDO, as mil historias” 5 de agosto

O 5 de Agosto foi o primeiro día de “A Mariña en Ruta”. Visitamos Mondoñedo da man de Claudia del Pino, a mellor anfitrioa que podiamos ter para coñecer as reviravoltas da capital dunha das sete provincias do antigo Reino de Galicia. Claudia, ademais de ser guía oficial de Galicia, coñécese de corrida cada unha das historia que esconden os recunchos de Mondoñedo.  Todo un luxo ter profesionais como ela para comezar os roteiros.

Realizamos un paseo cultural polo centro histórico da vila. Un día precioso e solleiro no que aprendemos as curiosidades da arquitectura da Catedral de Mondoñedo. Pasamos pola Fonte  Vella, de Álvaro Cunqueiro de camiño ao barrio artesanal Dos Muiños. Marcelo  Skapinakis abriunos as súas portas para poder observar o proceso de creación da olería “Artesans  do  Pasatempo”. Despois fomos ao Ponte do Pasatempo, testemuña do feito histórico do  Mariscal Pardo de Cela e a súa esposa Isabel de Castro.

A continuación entramos no taller de “Mircromina Teatro de Títeres”, onde puidemos coñecer o laborioso proceso creativo de cada monicreque e cada obra. Ton Arenas deleitounos ademais cunha pequena obra chea de humor.

Seguimos o roteiro visitando o Museo da Imprenta en exclusiva para nós, no que puidemos comprobar a importancia que tivo a industria da imprenta en Mondoñedo. A exposición con máquinas de gran valor permitiunos coñecer a evolución da imprenta mecánica, desde unha máquina fabricada en Bélxica a finais do  século XIX; ata unha Minerva  Hispania  semiautomática, cuxo uso permitiu acurtar considerablemente o tempo de impresión.

E por último Valentín Ínsua abriunos as porta da capela Venerable Obra Tercera, onde coñecemos o minucioso proceso de restauración da capela. Así como o significado de cada toque e aviso de campá. E como guinda do roteiro “Mondoñedo, as mil historias”, Claudia emocionounos lendo un pequeno texto da obra “Merlín e familia” de Álvaro Cunqueiro. Unha marabilla para terminar o primeiro roteiro na que descubrimos os encantos e historia de Mondoñedo. Unha pena que quedasen moitas cousas por ver, pero é que hai moito por descubrir.