“Fraga Vella, MONDOÑEDO” 25 de agosto

Onte 25 de agosto foi a novena xornada de “A Mariña en Ruta”, unha preciosa camiñada por “Fraga  Vella”. Un paraíso virxe situado en Mondoñedo. Un val rodeado de montañas con cumes que mesmo se aproximan aos mil metros de altitude.  Unha contorna privilexiada de rico patrimonio natural ao que nos puidemos achegar da man de Óscar Chao, biólogo e gran divulgador da fauna e flora autóctona coa súa  Proxecto  Rebinxe

Realizamos este roteiro de interpretación por uns dos ecosistemas máis característicos da Serra do Xistral. Un roteiro moi especial e única xa que non fomos polo carreiro habitual e puidemos descubrir recunchos menos coñecidos grazas a que Óscar coñece cada detalle da zona. 

Vimos turberas húmidas e a súa flora asociada. Aprendemos a vital función desta flora na subsistencia do resto de habitantes de “Fraga  Vella”. Tamén camiñamos por incribles bosques de acivros. E vimos plantas  carnívoras como (Drosera rotundifolia), unha das dúas especies deste tipo de plantas que habitan estes chans. Plantas adaptadas a vivir en chans pobres en nutrientes e que por iso posúen estes fascinantes mecanismos: uns “peliños” con líquido pegañento e doce que atraen a insectos e quedan atrapados. 

Puidémonos iniciar na procura e interpretación de indicios de presenza de fauna silvestre (pegadas, excrementos, depredacións…). Puidemos comprobar a presenza de diferentes especies animais, normalmente esquivas e de hábitos nocturnos, a través de cámaras de foto- trampeo. Cámaras que gravaron durante días, en sixilo e sen molestar á fauna salvaxe de “Fraga  Vella”. Grazas a elas vimos gravacións do roteiro que estabamos a facer de cervos, corzos, lebres, xabarís, raposos, e un longo etcétera. Unha ferramenta de observación e conservación moi útil para poder aprender a natureza que habita na nosa Mariña Lucense.

Mil grazas Óscar por querer compartir connosco o teu coñecemento sobre a fauna e a flora da comarca. Un luxo poder ter un divulgador do teu nivel en “A Mariña en Ruta”.