“Fraga da Furna, O VALADOURO” 14 de agosto

 

O venres 14 de agosto foi a terceira xornada de “A Mariña en Ruta”, coa camiñata “A Fraga dá  Furna” da man de Óscar Chao, fundador de “Proxecto  Rebinxe”, organización sen ánimo de lucro centrada no estudo e conservación de fauna e flora locais. Un roteiro de interpretación dos ecosistemas característicos da Serra  do  Xistral. 

Tivemos o privilexio de gozar dunha contorna natural incrible. Fomos seguindo o transcurso do río e aprendendo os habitantes salvaxes deste ecosistema forestal. Interpretamos os indicios de fauna silvestre, buscando pegadas e excrementos. Atopamos excrementos de lobo (Canis  lupus) e de marta (Martes martes). Así como pisadas de lobo. Tamén tivemos a sorte de poder gozar de voitres  leonados (Gyps fulvus). E de dúas especies de ras autóctonas, ra  bermella (Rana temporaria parvipalmata) e a ra patilarga (Rana iberica). Unha marabilla poder gozar dunha das  fragas mellor conservadas do norte galego da man dun divulgador da natureza galega como é Óscar. 

Ademais aprendemos a técnica de  fototrampeo para poder entender os comportamentos de de diferentes especies animais, que normalmente son esquivas e de hábitos nocturnos. Un luxo poder observar animais que habitan salvaxes na nosa comarca e sen ser molestados. Fraga dá Furna é por tanto, un exemplo máis do impresionante patrimonio natural co que contamos na Mariña Lucense.