
19 Ago “Ecosistemas da praia de Arealonga, BARREIROS” 19 de agosto
Hoxe 19 de agosto, estivemos en Barreiros, co roteiro “Ecosistemas da praia de Arealoga”. A sexta xornada deste proxecto “A Mariña en Ruta”. Unha camiñata acompañada da man do divulgador e biólogo Óscar Chao, Coordinador de “ Proxecto Rebinxe“ e presidente da “Asociación Rebinxe: pola recuperación dá biodiversidade”, organización sen ánimo de lucro centrada no estudo e conservación de fauna e flora locais.
Realizamos este roteiro de interpretación dos ecosistemas da preciosa praia de Arealonga. Comenzamos analizando a xeoloxía da praia, desde a orixe xeolóxica do areal, ata os chans fósiles. Grazas á baixa mar puidemos presenciar os restos do bosque prehistórico de Arealonga. Despois continuamos coa importancia da vexetación, tanto pola existencia de turbeiras como polo papel que desempeña en xeral as diferentes especies de plantas que habitan nas dunas. Aprendemos o funcionamento das mareas, a forza de erosión do mar e a adaptación dos diferentes seres vivos á zonación intermareal da praia. Vimos as diferentes algas e animais que habitan na zona intermareal, coas fascinantes adaptacións aos ciclos de mareas para poder vivir unhas horas baixo a auga e outras tantas horas fóra dela. Buscamos debaixo das pedras nas pozas intermareales e gozamos coa presenza de estrelas de mar, ourizos, polbo, etc. Mesmo puidemos aprender o que son as ascidias coloniais.
Unha marabilla de día na que adultos e pequenos puidemos gozar da biodiversidade das praias. Unha interesante xornada na que grazas a Óscar puidémonos achegar un pouco máis ao mar Cantábrico. O mar que baña a nosa preciosa Mariña Lucense.