“Cogomelos do noso monte”, con Óscar Chao. O Valadouro, 21 de novembro

O sábado pasado, día 21 de novembro, realizamos o cuarto roteiro do programa de ecoturismo “A Mariña en Ruta”, promovido pola Mancomunidade de Concellos de A Mariña Lucense. Óscar Chao, coordinador do Proxecto Rebinxe, descubriunos os “Cogomelos do Noso Monte” nunha fermosa xornada no municipio de O Valadouro. 

Durante a actividade na incrible Fraga das Lerias, seguimos o percorrido en busca de cogomelos e puidemos observar unha boa mostra representativa da contorna, con algunhas especies de Amanitas, Lepiotas, Boletus e Russulas entre outras. Os fungos xogan un papel de gran importancia nos montes como descompoñedores primarios, degradando a materia orgánica e transformandoa en nutrintes asimilables polas plantas. Teñen por tanto unha función esencial nos ciclos bioxeoquímicos dos nosos montes. 

A nivel de flora, o entorno é unha auténtica maravilla, con multitude de especies arbóreas, briófitas e hepáticas que aproveitan a humidade que confire a morfoloxía do terreo. Destaca un dos fentos relictos da fraga: Woodwardia radicans, que habita na fraga dende a era Terciaria, fai uns 65 millóns de anos. Ademáis da flora autóctona, gozamos dunha serie de rastros indicativos da fauna salvaxe que alberga este espazo natural. 

Un pracer coma sempre contar con Oscar como guía da actividade. 

 

Óscar Chao é Licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Posúe un Máster en Xestión de Sistemas Costeiros e Mariños pola Universidade Autónoma de Barcelona. É Profesor de Bioloxía e Xeoloxía de Educación Secundaria e Bacharelato. Dende o ano 2017 é Coordinador do Proxecto Rebinxe e presidente da “Asociación Rebinxe: pola recuperación da biodiversidade”, organización sen ánimo de lucro centrada no estudo e conservación da fauna e flora locais. Polo seu traballo ou ben desinteresadamente, participa e organiza charlas e exerce como guía en roteiros de observación de fauna e interpretación de ecosistemas dende 2012. 

 

Contacto:  

Facebook: @Proxecto Rebinxe1 

Instagram: proxecto_rebinxe