“Andaina polo paisaxe cultural de Portocelo” con David Fernández. Xove, 12 de decembro

O pasado sábado 12 de decembro visitamos a vila de Xove no sexto roteiro de outono de “A Mariña en Ruta”, proxecto promovido pola Mancomunidade de Concellos de A Mariña Lucense. Nesta actividade, acompañados polo arqueólogo David Fernández descubrimos o paisaxe cultural de Portocelo. 

 

Comezamos este roteiro na praia de Portocelo, continuando cara os pequeno núcleo rural de Vilachá, pola zona do Coído ata o Faro de Punta Roncadoira subindo por Monte Castelo e baixando polo xacemento arqueolóxico de San Tirso de Portocelo. Nesta espectacular ruta costeira circular, analizamos o enorme valor paisaxístico do que falamos durante o transcurso do camiño, para entender en clave cultural as diferentes localizacións e asentamentos pasados. Identificamos os elementos sobre o terreo facendo unha interpretación completa da paisaxe para comprender a súa transformación e a relación histórica do ser humano nesta contorna. 

 

Falamos das actividades tradicionais como pode ser a recollida de algas ou de pedra do entorno, e o patrimonio etnográfico e constructivo tradicional da zona, coa sua toponimia terrestre e marítima, así como do patrimonio inmaterial e as lendas do lugar.

 

Durante o percorrido visitamos varios xacementos arqueolóxicos, Monte Castelo e San Tirso de Portocelo, onde entramos en profundidade na súa explicación e contextualización histórica e cronolóxica, entendendo os valiosos datos obtidos dos sondeos arqueolóxicos que levou a cabo o equipo de David recentemente e que de seguro continuarán no vindeiro ano.  

 

Estamos enormemente agradecidos de contar con David Fernández para acompañarnos neste roteiro, unha das persoas mellor documentadas sobre a historia deste enclave paisaxístico único no Concello de Xove.

 

 

David Fernández é Arqueólogo. Conta con máis dunha década de experiencia en arqueoloxía de xestión, especializado en arqueoloxía naútica e subacuática. Director do proxecto arqueolóxico realizado recentemente en San Tirso de Portocelo (Xove).

 

Contacto: 

Páxina web: https://usc-es.academia.edu/DavidAbella

Blog: https://argologia.blogspot.com/

Facebook: David Abella