“A península da paz, CERVO” 9 de setembro

Hoxe disfrutamos dunha preciosa mañá de “A Mariña en Ruta” coa camiñada “A Península da paz, Cervo” guiada por Noela Feal. Un roteiro que xa comezou cunha grata sorpresa, cando vimos a Noela vestida cos seus mellores galas para a ocasión. Vestida de  Maruxaina. Todo un detalle que non deixou indiferente a ninguén e nos sumerxiu na historia, cultura e pasado de Cervo.

Empezamos no Parque Reina Sofía de San Cibrao, parroquia de Lieiro. Desde onde observamos parte da ría e as edificacións que a rodean. O cal nos permitiu situarnos a nivel histórico na vila. Noela falounos de comercio marítimo e de pesca de San Cibrao, dous alicerces socioeconómicos vitais ao longo da historia para a poboación local. 

Pasamos por á beira da carpintería de ribeira de Francisco Frá, facendo fincapé no valor patrimonial do seu oficio. Tamén coñecemos persoas históricas da vila, como Juan Sarmiento, outro carpinteiro de ribeira que mesmo  esculpeu imaxes da Semana Santa de Viveiro inspirándose en mariñeiros de San  Cibrao, nas que unía picaresca e arte. 

A continuación pasamos pola praia do Torno. Onde descansa a estatua da famosa Maruxaina. Personaxe protagonista das lendas da zona, en ocasións  bondadosa que avisa dos temporais, noutras misteriosa que ameaza con levar a alguén a Os Farallóns. Metade muller, metade peixe, é a protagonista da festa local desde 1985, cando a comisión de festas decidiu crearla cunha comida entre amigos naquel entón grazas a un excedente de diñeiro.  E tamén contemplamos a mina da segunda guerra mundial que está situada nesta praia. Unha mina desactivada, que se quixo expoñer como recordo da boa sorte que tivo a poboación ao non estalar a mina durante os anos que se atopaba escondida na area e activa.  

Despois visitamos a capela de San Cibrao. Subimos á Atalaia, lugar de avistamento na época da caza da balea. Hoxe en día, o lugar ideal para a observación de aves e o avistamento de cetáceos

E por último baixamos á praia de  Cubelas, onde Noela lembrounos a marcada historia baleeira da vila. Era nesta praia onde se facían coa carne e o apreciado aceite das baleas. E un claro exemplo, de como a pesca  configurou a estrutura social de Cervo, igual que moitos outros pobos da Mariña Lucense, na que os homes ían ao mar e as mulleres facíanse cargo da casa. Unha sociedade  matriarcal que queda visible na  estátua “Volta  ao  fogar” adicado ao feito do regreso a casa do mariñeiro, situación moi propia do século  XX no que o traballo no mar era outra maneira de emigración no noso pobo.

Grazas Noela por descubrirnos as reviravoltas de cada recuncho de San Cibrao, por achegarnos con tanta paixón e dunha maneira tan orixinal ao patrimonio cultural da vila.