“A minería de ouro en RIOTORTO” 1 de setembro

Este martes día 1 comezamos coas xornadas do mes de setembro de “A Mariña en Ruta”. Xornada na que realizamos a camiñada “A minería de ouro en Riotorto” da man Francisco Canosa, doutor en xeoloxía e director científico do proxecto “Xeoparque  do Cabo Ortegal”. Con 20 anos de experiencia como guía en saídas xeolóxicas e docencia de xeoloxía en diferentes niveis educativos e universitarios ás súas costas. 

O roteiro permitiunos coñecer a presenza romana na zona e en concreto a minería romana que se desenvolveu en Riotorto. Visitamos estas explotacións mineiras excepcionais do noroeste peninsular. 

Comezamos visitando un xacemento primario en roca, no cal o ouro se atopaba en pequenas cantidades pero que aínda así explotaban en busca do prezado mineral debido á súa rendibilidade. Aprendemos o minucioso e custoso método de explotación mediante o uso da auga. Francisco explicounos os coñecementos mecánicos e tecnoloxía que tiñan na época. 

Despois visitamos exemplos de xacementos secundarios dos ríos, que foron os primeiros en ser explotados polos romanos. Vimos canles escavadas polos que se facía circular a auga que usaban na explotación do ouro. E tamén observamos “murias”, amontoamentos de rocas visibles na actualidade.

Por último visitamos o leito dun río para poder aprender o método de exploración e explotación usado polos romanos: o  bateo. Técnica na que mergullaban a batea en augas das beiras dos ríos para separar o ouro dos sedimentos. Francisco ensinounos in situ esta antiga técnica coa que ademais tivemos a sorte de atopar dúas escamas de ouro

Esta zona é unha reliquia do patrimonio xeolóxico e cultural da Mariña Lucense.  Un lugar emblemático pola súa historia, que actualmente se atopa en perigo pola plantación de eucalipto. Reduto do xeodestino da Mariña Lucense que entre todos debemos conservar e preservar. Grazas Francisco por divulgar e compartir o teu coñecemento sobre esta contorna, poñendo en valor o patrimonio da minería de Riotorto.